A miticultura é só un exemplo da elevada productividade das Rías
Baixas, consideradas como un dos ecosistemas mariños de maior
diversidade biolóxica de todo o planeta.
A que se debe tan extraordinaria riqueza? Principalmente á actuación
dun fenómeno oceanográfico denominado afloramento. Soe manifestarse
entre os meses de maio e setembro, cando por influencia de altas
presións predominan os ventos de compoñente norte, que desprazan as
augas superficiais cara mar adentro. Estas augas someiras e mornas
(cun aporte de auga doce procedentes dos ríos) sustitúense por
outras máis profundas e frías cunha gran cantidade de nutrientes
que ascenden desde o océano e penetran e inundan as rías. De aí,
por exemplo, que en verán a agua das praias se aprecie a baixas
temperaturas.
A principal diferenza entre o afloramento nas rías e o que ten lugar noutras zonas costeiras é que a ría permite a entrada de augas afloradas nunha zona protexida na que se pode aproveitar máis os nutrientes. Aparte do afloramento, a singular estrutura física das rías supón un valor engadido para que as súas augas constitúan enclaves idóneos para o cultivo de marisco e outras especies pesqueiras.
Se non se producise este fenómeno, as rías estarían máis
estancadas, sen renovación de auga. As mareas moven a columna de
auga, pero só de forma horizontal, non vertical. A luz solar tamén
xoga un papel destacable no afloramento. A importancia deste fenómeno
radica nas características desas augas profundas que emerxen á
superficie. Ademáis de ser máis frías, son moito máis ricas en
nutrientes, o que permite un gran desenvolvemento do fitoplancton ao
dispoñer á vez de luz solar.
De feito, a produción destas algas microscópicas en época de
afloramento nas Rías Baixas é tres veces superior á de augas
oceánicas en latitudes similares. Esta elevada productividade débese
á abundancia de nitratos. Esta auga que ascende fría e rica en
nutrientes, fertiliza á plataforma e rías galegas, o que permite
unha elevada producción de mexillón cultivado en batea, ou que se
den tamén as ameixas ou berberechos así como os crustáceos, por
exemplo a centola ou a nécora.
A teoría do afloramento é tan sinxela como concluínte: coa
presenza de vento do norte, máis correntes, máis fitoplancton e
máis engorde do marisco e do peixe, que se alimentan dos
microorganismos.